Parroquias e Aldeas

Parroquia de San Xusto de Toxosoutos

 

Consta dos seguíntes núcleos de poboación: Bargo, Fontefría, Madeiro, Sabugueiro, San Xusto e Sedofeito.

Esta é a parroquia máis septentrional do Concello.

Limita polo norte con Brión, polo sur coas parroquias de Lesende e Vilacoba, polo este con terras de Rois, e polo oeste con Noia.

É esta parroquia na que as suas terras teñen a maior altitude, situándose a parte máis baixa, por riba dos 200 m.s.n.m. O Costoira e Pena de Ferro, que son os puntos máis altos, chegan a acadar os 532 m. Tódalas aldeas se ubican por riba dos 300 m., e están emprazadas procurando buscar as beiras do río San Xusto, que nace máis arriba de Fontefría, a 430m de altitude, cota na que se sitúan tamén Sabugueiro e Bargo.

A maior parte de San Xusto está adicada a monte baixo, e no que se refire ós cultivos predominan as praderías, polo que se deduce a maior importancia da gandeiría con respecto á agricultura. Outro elemento favorecedor da gandeiría, é a dureza do clima xunto coa escasa fertilidade das terras. Pese a estas duras condicións xeográficas, esta parroquia é a millor comunicada, se temos en conta que a estrada de maior entidade do Concello atravesa por ela seguindo o trazado do río San Xusto, a AC-543, que comunica Noia con Santiago.

No que atinxe á historia, nas terras de San Xusto tivo lugar un feito de gran relevancia ó longo de toda a Idade Media, como é a construcción do Mosteiro bieito de San Xusto, as súas ruinas podense hoxe observar ó pé dunha fervenza no río do mesmo nome. Formando parte do entorno do antigo mosteiro está a Igrexa parroquial.

 

Parroquia de San Martiño de Lesende

 

Compónse de 8 aldeas: Aguieira, Béxeres, Cairo, Horta, Lesende, Mirón, Quintáns e Soutorredondo; se seguimos cara o sur atopámonos con San Martiño de Lesende, que se sitúa entre Toxosoutos e Noia ó norte, Noia tamén ó oeste, Lousame ó sur e Vilacoba ó este. Dende o punto de vista xeográfico, Lesende atópase no curso medio do río Vilacoba, e tódalas súas aldeas, están na súa ribeira dereita, salvo Soutorredondo e Aguieira, na esquerda a 320 m. que a sitúan como a aldea máis alta da parroquia; síguelle O Mirón, entre os 250 e os 280 m. Lesende está en torno ós 170 - 180 m., e xa baixamos ata Cairo, Soutorredondo, Quintáns, Horta e Béxeres a menos de 150 m. todas elas. A maior altitude de Lesende corresponde ó alto do Monte Colou, con 508 m. dende onde podemos observar espectaculares vistas panorámicas da ría de Noia - Muros e da parroquia de Vilacoba. O uso do solo en Lesende é fundamentalmente forestal, tanto nas abas do Colou e baixando ata Cabanetán, como nas que baixan dende Aguieira ata o río Vilacoba. Tamén a vexetación de ribeira é de notable importancia neste tramo do Vilacoba, polas especiais condicións de forte pendente e encaixamento, que o caracterizan. A principal vía de comunicación de Lesende é a estrada que, dende Béxeres, despois de partir da AC-543 en Sampaio e na Albariza, conduce ata a AC-308 en Vilacoba, a cal comunica tamén as aldeas de Soutorredondo e Aguieira. Esta última aldea, cando estaba poboada, comunicábase co resto da parroquia, e fundamentalmente coa igrexa parroquial de San Martiño de Lesende na aldea do mesmo nome, a través dun camiño que cruzaba o Vilacoba pola Ponte Gaiteira (por riba da cal pasa a rota de sendeirismo do río Vilacoba). A Soutorredondo pode chegarse, tanto dende Horta (cruzando a ponte sobre o río) coma dende a AC-308.

Parroquia de San Xoan de Lousame

Compónse de 21 aldeas: Aldeagrande, Berrimes, Bouciñas, Brandia, Castro, Cerquides, Ces, Costa, Cruido, Chave, Filgueira, Gandarela, Maxide, Pastoriza, Outeiro, Portobravo, Quintáns, Seixido, A Silva, Vilanova e Seoane; é ésta a parroquia que lle dá nome ó Concello.

Limita polo norte co río Vilacoba que a separa de Lesende, e con Noia, polo sur con Boiro e Fruime, polo este con Vilacoba e Fruime e ó oeste con Tállara e Noia. Aséntase nun territorio de relevo variado, pero no que non hai importantes altitudes, tan só se chega ós 300 ou 350 m. nas ladeiras do monte comunal de Aldeagrande e no de Seoane. A maior parte dos núcleos de poboación están a menos de 100 ms.n.m., especialmente os máis poboados: Cruido, entre os 100 e os 150 m, e Aldeagrande nos 100 m.

Son o Rego do Espiño ou da Mina (nace en Froxán) e o de Chave, os que dan lugar ó Río Pesqueira, que forman o val que ocupa a maior parte do territorio desta parroquia. Na aldea de Portobravo está a cabeza do municipio, ubicándose na mesma a Casa do Concello, o Centro Médico e a Casa da Cultura. Asimesmo, na aldea de A Silva está o C.P.I. Diego Antonio Cernadas de Castro,o Polideportivo "Pilar Barreiro Senra" e a Piscina Municipal. En Seoane está situada a igrexa de San Xoán de Lousame.

A vía principal de acceso a Lousame é a AC-4201, que parte da AC-308 en Portobravo e atravesa toda a parroquia ata chegar ó Confurco, e de alí á Pte. Beluso ou a calquera punto da Ría de Arousa.

Dende Noia tamén se pode chegar a Lousame pola estrada que, dende o Couto sube ata Berrimes e segue adentrándose en Lousame ou Tállara. Hai tamén multitude de pistas forestais ou de concentración parcelaria que comunican os diferentes núcleos entre si, e co resto das parroquias.

Parroquia de Santa Eulalia de Vilacoba

Compónse de 10 aldeas: Afeosa, Comparade, Froxán, Marselle, Minas, Servia, Silvarredonda, Vilacoba, Vilar, Xestoso; situada ó este do Concello, limita polo norte coa de San Xusto de Toxosoutos, polo sur coa de Fruime, polo este con Rois, e polo oeste con Lesende e Lousame. Ésta parroquia é drenada polo Río Vilacoba no seu curso alto, pois nace ós pes da Muralla, en Aldariz (Fruime), moi preto da aldea de Xestoso (Vilacoba). Os seus puntos máis altos están no monte de Siroña, con altitudes que oscilan entre os 400 e os 537 m. Tamén o monte da Afeosa tén máis de 400 m. Tódalas aldeas desta parroquia están por riba dos 350 m. salvo Vilacoba e Vilar de Reconco, arredor dos 250 m.

A maior parte destas terras son de uso forestal, e as terras de cultivo das aldeas forman pradeiras, o que denota a gran importancia que ten a gandería frente á agricultura.

A principal estrada que comunica ésta parroquia é a AC-308, que parte de Noia e, atravesando por Lousame e Rois, lévanos a Padrón. A maior parte dos núcleos de Vilacoba, sitúanse á súa beira, ou moi próximos. Da aldea de Comparada, parte a AC-1103, que por Xestoso e a parroquia de Fruíme trasládanos ata a Pte. Beluso. Coma no caso doutras parroquias, hai multitude de pistas que comunican uns núcleos cos outros e unhas parroquias co resto, ou con concellos próximos.

Nesta parroquia, dende épocas anteriores ó paso dos romanos, hai indicios de explotación do wolfram e o estaño no xacemento de San Fins na parroquia de Vilacoba, pero cando acada maior importancia esta mina é ó longo do S. XX, primeiro en mans inglesas e máis tarde por parte de empresas españolas. Estas minas obtiñan a enerxía que precisaban da minicentral eléctrica de Pías, ubicada no río Vilacoba, entre a aldea de Vilacoba, onde está a Igrexa parroquial de Santa Eulalia, e Servia. Aínda que a Mina ten parada a súa actividade dende principios dos 90, debido á baixada do precio dos minerais, a nomeada minicentral, en mans privadas, modernizou a súa maquinaria e constitúe a única que hai no Concello.

Parroquia de San Xoan de Camboño

Compónse de 10 aldeas: Arxellas, Corral de Abaixo, Corral de Arriba, Crons, Chouza, Igrexa, Millaradelo, Monteselo, Naval e Soutelo; sitúase no extremo máis occidental do territorio municipal cos Concellos de Porto do Son e Noia ó Norte, o de Boiro ó Sur, Noia e Tállara ó este e Porto do Son ó oeste. Tódalas súas aldeas están no encaixado val que forma o río Hornanda, que nace nos montes desta parroquia e desemboca no veciño concello de Porto do Son.

Éste val vaise abrindo paseniñamente permitindo que na parte baixa as terras de cultivo se extendan, ó igual que os núcleos de poboación, e sexan máis accesibles. É neste fondo de val onde se concentra a maior parte da poboación da parroquia, en Chouza, Crons, Camboño.

As vías de acceso a Camboño parten todas da C-550, dende Argalo, por Vilaboa ata Soutelo ou Arxellas, dende Miñortos a Chouza, e dende a Gafa a Crons. Co resto do concello, en concreto ca parroquia de Tállara, comunícase pola Serra do Barbanza.

A igrexa parroquial de San Xoán, atópase no lugar de A Igrexa e tamén temos en Camboño a ermida de Santa María A Gorgosa.

Parroquia de San Pedro de Tállara

Compónse de 17 núcleos: Abeixón, Abelendo, Barreira, Carantoña, Cernande, Cruceiro, Figueiroa, Guiende, Igrexa, Marracín, Meixonfrío, Merelle, Pascual, Portela, Pousada, Ponte de San Francisco e Vilar; atópase no extremo suroccidental de Lousame, lindando ó norte con Camboño e Noia, ó sur con Boiro, ó este con Lousame e ó oeste con Porto do Son. É no linde con éste último concello onde atopámos a maior elevación de Lousame, o Monte Iroite con 685 m., que constitúe un magnífico mirador cara a ría de Noia - Muros no alto do monte, e cara o fondo e a ribeira sur da ría de Arousa, dende as abas do monte, na subida cara o Iroite.

Os núcleos máis poboados desta parroquia, están vertebrados polo val do río Lobo, que extende case a totalidade do seu curso por ésta parroquia, ata a súa desembocadura en Noia. Tamén cabe destacar a gran extensión do afloramento granítico do Confurco, que ocupa a parte máis oriental desta parroquia. É precisamente neste afloramento no que atopamos a capela de San Lourenzo, que xunto coa de San Roquiño, e a igrexa parroquial de San Pedro no lugar de Tállara conforman as máis importantes manifestacións de arquitectura relixiosa que temos na parroquia.

Esta é a segunda parroquia máis poboada de Lousame, sendo Tállara e Merelle os núcleos con maior poboación. Ámbolos dous se atopan á beira da estrada que leva de Noia a Boiro. Salvo as aldeas de A Barreira, Guiende e Pascual, a práctica totalidade das aldeas da parroquia sitúanse no val do ría Lobo, a menos de 100 m. e en terras chans.

A principal vía de acceso é a estrada AC-3101 de Noia a Boiro. Xunto coa C-1104 que dende Noia comunica polo medio da parroquia ata o Confurco e Pte. Beluso.

Parroquia de San Martiño de Fruíme

Compónse de dez aldeas: Aldarís, Ardeleiros, Arribas, Burzó, Cabaleriza, Escabia, Fruíme, Millón, Vilas e Zaramagoso. Ocupa o extremo suroccidental do Concello e linda con Vilacoba polo norte, con Boiro e Rianxo polo sur, con Rianxo tamén polo este e con Lousame polo oeste. Nesta parroquia de Fruíme está o segundo monte máis elevado do concello, A Muralla, que xunto con unha serie de picos de entre 500 e 600 metros forman a Serra que desemboca na parroquia de Taragoña, en Rianxo, e na que dende hai dous anos está situado o Parque Eólico Monte Treito (coma tamén se lle chama a A Muralla).

Toda a parroquia está drenada polo único río do concello que desauga na Ría de Arousa, o Beluso ou da Escabia. É tamén no val que forma este río onde se sitúan os núcleos de maior poboación e as estradas que os comunican. A aldea de Aldarís é a situada a maior altitude, a 400 m. xunto coas de Vilas, Burzó e Arribas, todas elas a máis de 300 metros.