Paisaxe

     Dende o punto de vista da paisaxe, podemos dicir que en Lousame temos unha gran variedade, derivada de fortes contrastes morfolóxicos. Dado que no territorio municipal nos atopamos cos dous puntos máis elevados da comarca, A Muralla e o Iroite, esto permite que tamén as panorámicas que se poden obter tanto das rías de Muros - Noia como de Arousa e do propio Concello, así como dos circundantes, sexan moi variadas. As paisaxes predominantes en Lousame, se as clasificamos polo uso do solo, son típicas do rural agrario galego. Un rural agrario moi humanizado dende hai moitos séculos, como denotan os restos arqueolóxicos (petroglifos, castros, entorno de Toxosoutos, ...) pero que tamén contén espazos naturais significativos, como poden se-las ribeiras dos nosos ríos, o sobreiral de San Lourenzo, o macizo granítico do Confurco, entre outros. É tamén unha paisaxe na que a auga ten moita relevancia, dada a abundancia de cursos fluviais e pequenos regatos en todo o territorio municipal. Reflexo desta importancia son a abundancia de muiños e fábricas de papel que hai nas ribeiras dos ríos, que nos deixan unhas paisaxes nas que a auga é protagonista indiscutible, directa ou indirectamente. Pero os protagonistas reais da paisaxe de Lousame son os nosos montes, pola súa predominancia, e a vinculación que dende sempre teñen os seus habitantes con eles, tanto como lugar de traballo, como fábrica natural de recursos (leña, piñas, fieitos, molime, madeira, caza e, máis recentemente, cogumelos), e tamén como sitio de disfrute no que pasar o tempo de lecer, xa sexa en romerías, paseos ou camiñatas.