AXUDA EMERXENCIA REFUXIAD@S

O Fondo Galego combate a vaga de frío que afecta ás persoas refuxiadas na ruta dos Balcáns

- A asociación de concellos e deputacións achega 10.000 euros a Acnur para dotar de roupa, mantas e estufas ás e aos solicitantes de asilo en centros de Serbia.


- Calquera persoa ou entidade pode contribuír coas súas doazóns a través da conta de emerxencia aberta polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

As persoas refuxiadas que seguen a ruta dos Balcáns levan semanas soportando temperaturas baixo cero a causa da vaga de frío siberiano en Europa. Ante esta situación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de achegar 10.000 euros ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que dotará así de artigos coma roupa, mantas e estufas ás e aos solicitantes de asilo en centros de acollida de Serbia, en coordinación co goberno do país e cos seus parceiros locais.

As deputacións e concellos socios do Fondo Galego contribúen deste xeito a paliar as duras condicións de vida das persoas refuxiadas. No entanto, as distintas administracións locais poden sumar a esta doazón a súa propia achega específica a través da conta ES78 2080 0559 2630 4000 4276 de Abanca, indicando como concepto a palabra "refuxiados". Esta conta de emerxencia está dispoñible tamén para persoas individuais, grupos ou calquera tipo de entidade que desexe canalizar así a súa solidariedade coas e cos afectados.

Calquera contía, por pequena que sexa, resulta valiosa ao engadirse ao conxunto. No entanto, o Fondo Galego de Cooperación é consciente de que este tipo de axudas non son a solución, que debe chegar desde as altas instancias políticas. Así o esixía hai un ano condeclaracións institucinais nas que reclamaba substituír as medidas restritivas por accións que atallen as causas do problema, en cuxo cerne están os intereses xeopolíticos dos países máis poderosos, ao tempo que chamaba rexeitar os movementos xenófobos.

Co empeoramento das condicións climatolóxicas, o número de solicitudes de asilo en Serbia non deixa de aumentar. Trátase principalmente de persoas afgás, iraquís e sirias que foxen dos conflitos nos seus lugares de orixe á procura dunha vida mellor. A maioría áchanse en aloxamentos improvisados que están ao límite da súa capacidade e onde deben agardar arredor de medio ano para poder cruzar a fronteira.

Por outra parte, Acnur está a acondicionar un refuxio temporal para aloxar a quen se achan malvivindo nas rúas de Belgrado, cidade na que ademais se está a levar a cabo a identificación de centos de menores non acompañados para proporcionarlles asistencia especializada. Ás mortes no Mediterráneo, súmanse no que vai de 2017 cando menos outros cinco falecementos por hipotermia de refuxiados que se adentran a pé na ruta dos Balcáns.

Estes e outros datos serán ofrecidos pola persoa representante de Acnur que, dentro duns meses, visitará Galicia para render contas dos investimentos executados co diñeiro canalizado a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Mentres tanto, a cidadanía pode seguir informada do que está a acontencer na zona a través da web e das redes sociais de ambas as dúas entidades, así como das tarefas que se están a levar a cabo perante a situación de emerxencia.

FondoGalego fondogalego web

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está formado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur