Rutas de Sendeirismo

   
  Mapa ruta Ríos Vilacova e San Xusto  
Descargar mapa ruta Ríos Vilacova e San Xusto:

ALTA CALIDADE

Formato: jpg
-Calidade: 4 Megapíxels (2400X1676 píxels).
-Resolución: 300ppp.
-Tamaño: 1.07 Mb.

CALIDADE MEDIA

-Formato: jpg
-3.37 Megapíxels (2200X1536)
-Resolución: 300 ppp.
-Tamaño: 975 Kb.

BAIXA CALIDADE

-Formato: jpg
-1.8 Megapíxels (1600X1117)
-Resolución: 300 ppp.
-Tamaño: 632 Kb.

CORELDRAW 10

-Formato: CoreDrawl (.cdr)
-Tamaño: 4.45 Mb.

Descargar

Descargar

Descargar

Descargar

 

Ruta de Sendeirismo
Río Vilacoba e San Xusto

     A cunca do río Vilacoba atópase dentro dos límites municipais de Lousame na práctica totalidade da súa superficie, salvo un pequeno tramo que discorre polo veciño Concello de Rois. É unha das máis grandes e importantes do municipio, situándose o seu nacemento na cara norte do monte da Muralla (Fruime).

     O val deste río percorre o Concello de E a W dividindo as parroquias de Vilacoba, Lesende e Lousame. Ó longo de todo este seu decorrer cara o mar, ten unha gran diversidade tanto morfolóxica como paisaxística e biolóxica, que pode contemplarse camiñando pola ruta de sendeirismo que hai marcada e sinalizada nas súas ribeiras. Este percorrido continúa polas do seu tributario o San Xusto, que percorre a parroquia do mesmo nome, despois de nacer en terras de Fontefría.

     No primeiro tramo da ruta, pola beira esquerda do río, dende Brandia ata Soutorredondo, o Vilacoba discorre manso e tranquilo polo medio dun frondoso bosque de ribeira que lle da sombra ata chegar á piscifactoría de Soutorredondo.

     En Brandia, no comezo da ruta, na área recreativa que se habilitou coa restauración de dous muiños preto das casas desta aldea, temos a poucos centos de metros as ruinas da primeira fábrica de papel das catro coas que imos topar ó longo do noso percorrido; esta fábrica foi trasladada nos anos setenta a Vidán, preto de Santiago. O camiño neste tramo pódese facer algo lento polas dificultades do terreo en algún anaco, aínda que hai pasarelas en sitios difíciles, especialmente ó chegar á altura da aldea de A Albariza.

     Ó alcanzá-la seguínte aldea (O Castro) temos, a uns cen metros da beira esquerda, as aínda impresionantes ruinas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste tramo, e debido a que o río non salva desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial como a que atopamos un pouco antes da aldea de Cerquides, preto das ruinas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño. Este traxecto é fácil de andar, e moi apropiado para disfrutar do solitario e frondoso entorno polo que transcorre.

     O cauce volta a incidir sobre o terreo ó pasa-la Piscifactoría de Soutorredondo, especialmente logo da subida, para visita-los petroglifos de Lesende (tallados na Idade do Bronce, no segundo milenio antes de Cristo). Despois de retomar o camiño pola beira dereita do río, á altura desta aldea hai uns afloramentos graníticos que a auga foi erosionando dando lugar a unha serie de pozos ou piscinas (Pozo das Vacas, Pozo Negro), moi frecuentadas por bañistas no verán. Nesta impresionante paisaxe que forman os pozos coa vexetación de ribeira e a morfoloxía do terreo, temos varios muiños pertencentes á aldea de Lesende, o da Fonte e o de Calistro. Será salvando estes rápidos cando cheguemos á ponte medieval de A Gaiteira, que comunicaba a aldea de Aguieira coa igrexa de Lesende, parroquia á que pertence. A ruta continúa subindo pola ribeira dereita do río cara á ponte de Vilacoba, atopando no medio o Pozo da Escaleira, tamén moi visitado no verán polos mozos do contorno. O camiño volta a ser bastante doado unha vez deixadas atrás a subida a Lesende e o tramo de pozos.

     Ó chegar á ponte de Vilacoba desviámonos cara ó monte Colou dende onde temos unhas excelentes vistas da Ría de Noia-Muros. Dende alí baixamos cara á aldea de Toxosoutos para comezar o percorrido polo río San Xusto. Dende esta aldea hai que baixar ata a igrexa, onde se poden facer visitas ás dúas fervenzas que hai no río augas arriba. Despois baixamos e cruzamos a ponte de madeira que hai detrás da Casa Rectoral (convertida en albergue turístico) por unha pequena corredoira quen nos conduce ó pombal propiedade do mosteiro. Partindo deste punto imos dar á carballeira da beira do río por onde continuamos ata un camiño de monte que nos leva a preto de Cabanetán, para baixar de novo á beira do mesmo e seguir o seu curso pasando polo Pozo do Capitán (en Boña) no que hai unha impresionante fervenza. O camiño continúa pola canle que leva a auga á fábrica de papel das Maceiriñas e de alí atravesamos polo monte de Béxeres ata chegar de volta ó río Vilacoba na ponte que hai en fronte da fábrica de Fontán.


 
   
  Mapa ruta da Muralla  

 

Ruta de Sendeirismo da Muralla

     O sendeiro de 14 Km de percorrido é de dificultade media e comeza no cruce que leva á aldea de Arribas, na parroquia de Fruime, despois de deixa-la estrada que une Pte. Beluso e Comparada (AC-1103). Despois de pasar a aldea de Arribas, o sendeiro discorre por montes de piñeiros, pequenos soutos con castiñeiros, acivros, salgueiros, ameneiros que nacen ó borde dos regatos, e algún pequeno eucaliptal aínda non moi estendido. Segundo imos subindo, as zonas de arbóreo van diminuíndo e aparecen novas plantacións e zonas de pasto para cabalos, vacas e cabras que pacen libremente. A cima da montaña está aproveitada tamén polas enerxías renovables, xa que os aeroxeneradores serán os compañeiros do sendeiro antes de chegar ó cume do monte Muralla (678 m). O regreso faise por tramos que xa subimos e logo por un novo sendeiro, similar ó anterior, pero entre o límite do concello de Lousame e o de Rianxo ata chegar á aldea de Zaramagoso para a continuación camiñar un Km pola estrada ata a aldea de Ardeleiros onde ó saír dela xa chegamos ó punto de saida, sendo así unha ruta circular.

     O máis destacable, aparte da tranquilidade que podemos respirar en moitos dos recunchos do noso percorrido, van ser as magníficas vistas que poderemos contemplar xa dende a metade do noso percorrido, verdes vales do noso concello: o da Escabia, o de Xestoso e Aldarís; chegando a albiscar unha parte moi importante do noso territorio: o Iroite, mte. Culou e as aldeas que están nas súas ladeiras. Dende a cima, a vista panorámica podemos observa-la facendo un xiro de 360º. As aldeas do concello de Rianxo témolas ós nosos pés (Campelo, Bustelo e Vilar) e, por suposto, a ría de Arousa, dende a desembocadura do río Ulla coas illas de Arousa, Cortegada, Ons e as Cíes e tódalas poboacións que se reflexan nas súas augas: Vilagarcía, Rianxo, Boiro, Pobra, Riveira...Vemos en toda a súa amplitude a serra do Barbanza e a continuación de Noia e Muro s. Se as nubes nolo permiten observaremos Santiago de Compostela, incluidas as torres da Catedral.

     Dicir que ás veces unha foto non é o reflexo da realidade e nada mellor que contemplar cos nosos propios ollos estas magníficas paisaxes.


 

Ruta de Sendeirismo das Minas de San Finx

     Partindo da Praza Teodomiro Hidalgo comezamos a camiñar polo medio da agra de Cruido ata chegar á piscina municipal, onde cambia a paisaxe tras meternos por unha vella corredoira que nos aproxima á aldea de Aldeagrande. Alí, na parte alta da aldea tomamos o camiño polo monte cara a San Finx. Transcorridos uns 20 minutos, albiscamos o “charco” ou balsa de decantación da mina, que consiste nun pequeno encoro no río da Mina ou Rabaceiras. Este  encoro formaba parte das instalacións da mina, e a súa función consistía na decantación das partículas en suspensión e areas que baixaban na auga do río. Subindo atopamos a “areeira” ou escombreira na que se acumulaba todo o material de refugallo do proceso de extracción de wolfram e estaño de San Finx (dende finais do s. XIX ata finais do s. XX), xa que neste xacemento, a mineralización aparece, na súa maior parte, intruida dentro dun dique de cuarzo; chegou a formar un montículo de area totalmente branca que se vía dende moi lonxe. Esta area era moi valorada como material de construcción por estar formada unicamente de seixo.

     Todo este camiño transcorre por un monte de eucaliptos que nos leva ata a balsa de auga que hai no río, preto da areeira da mina. Neste punto, temos que cruzar o río para, unha vez no outro lado, seguir un camiño de monte que nos levará ata a antiga escola, hoxe Centro de Interpretación.

     Seguindo esta ruta pódense avistar, máis arriba da areeira, as instalacións industriais “fábrica nova”, “fábrica vella”, “o cuartel” e ata as “casas Baratas” nas que viviron multitude de traballadores das Minas coas súas familias... Unha vez rematado este camiño, atopamos a antiga escola convertida en Centro de Interpretación e Museo, no que hai que facer unha parada obrigada, xa que nos traslada ao século pasado, ás épocas de maior esplendor da mina. Dende alí podemos ver moi preto o “Pozo Novo”, que xunto co “Travesal Buenaventura”, foron os dous últimos buratos de extracción. Continuando pola estrada , chegamos  ao Chan da Mina atopamos boa parte das que eran instalacións auxiliares da mina: talleres (mecánico, carpintería e eléctrico), a casa do compresor, a cantina, vivendas..

     Unha vez feita a visita á mina, continuamos o noso camiño subindo cara a aldea de a Afeosa ó lado do edificio do compresor. A subida é bastante pronunciada, aínda que volta a ser chan ao chegar a aldea, volve a intensificarse ao ir chegando ao alto do monte da Aguieira ou Pedrantoas, aínda que as vistas panorámicas que imos acadando, van compensar o esforzo.  Tanto se miramos cara o S ou W podemos ver as rías de Arousa e Muros e Noia, albiscando a illa de Sálvora e o Monte Pindo, así como toda a serra da Barbanza co monte Iroite e Curota e tamén a Muralla se miramos cara o leste.

     Unha vez vistas as panorámicas, imos baixando cara á aldea de Cruido seguindo o percorrido do cortalumes para, unha vez atravesada a aldea, chegar a Portobravo e á Casa do Concello, o noso destino final.

     Como pode comprobarse, é un camiño doado de andar, na súa maior parte, sendo apto para todo tipo de xente. Percórrense, aproximadamente, uns 12 kilómetros.

   
  Foto dunha visita ao Museo das Minas