Mosteiro de San Xusto

Xa nas primeiras decadas do S.XII hai noticias da existencia dunha ruinosa ermida adicada ós Santos Xusto é Pastor, ó lado do curso do río San Xusto, que é doada por Pedro Crescón ós cabaleiros Froylán Alonso e Pedro Muñiz de Carnota. Segundo o pai Yepes na "Crónica General de la Orden de San Benito" a fundación do mosteiro baixo a Regra de San Bieito, tería lugar no ano 1129, aínda que a versión de López Ferreiro dí que foi no 1133. Esta fundación ten lugar porque os cabaleiros ós que foi doada a ermida, deciden tomar os hábitos e retirarse alí.

De contado empeza o despegue do mosteiro, tanto que no 5 de decembro do 1135, o Bispo Diego Xelmírez consagra a súa igrexa e a Don Pedro Muñiz como primeiro abade. Dous días máis tarde, no 7 de decembro, o Emperador Alfonso VII, otorgou un diploma polo que confire ó mosteiro a autonomía xurisdiccional, tanto civil como eclesiástica, salvo as atribucións propias do bispo.

O 9 de maio de 1139, o mesmo monarca dóalle ó mosteiro a vila ourensá de Gomaríz (Leiro), a de Sanín (Dena) e Ardena (O Grove), ademáis de tódalas súas posesións de Carnota. Pouco despois, no 1145, dalle as terras do val do Sar, e as de Sayagón en Zamora.

E este foi tan só o comezo das doacións reais, de nobres e eclesiásticos ademáis de pequenos propietarios. Con todas estas posesións, enseguida chegou este mosteiro a estender as súas pertenzas a outros sitios de España, e incluso doutros paises, coma a vila de Paredes en Portugal.

Tras unha disputa entre os monxes de Nogueirosa (Pontedeume) e os de San Xusto, pasou a formar parte das posesións destes últimos o mosteiro de San Cristóbal de Arzón (Negreira) e as vilas de Cando, Cuns, Formigueiro e Carballido (Outes).

O Pai Antonio Yepes na súa crónica di: "Solo digo que ningún monasterio hay en Galicia por grande y grueso que sea, cuya hacienda sea mayor o más cualificada que la de San Xusto".

Tanto é así que o mosteiro tiña propiedades rurais nos municipios colindantes como Noia, Boiro, Brión, Porto do Son, Rianxo, Rois, pero tamén en outros moitos das provincias da Coruña e Pontevedra, tales como Ames, Carnota, Cee, Fisterra, Lalín, Muros, Mazaricos, Meaño, Muxía, Negreira, Outes, Ortigueira, Ponteceso, Padrón, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo, Val do Dubra, Zas.... Pero non quedan aí as riquezas deste importante mosteiro, posto que chega a ter parte da península do Morrazo, e da comarca do Salnés en Pontevedra, en Ribadavia (Ourense).

No que se refire ás posesións urbanas, están en Santiago: a Rúa Sequelo, a Conga, Porta Faxeira, o Toural, e outras moitas. Tamén na cercana Noia tiña importantes propiedades como son a Corredoira de Adentro, a Corredoira de Afora, Mazacáñamos, Rúa Cega, Lagares, Carnicería, Laxe, Tripería, Tonelería, García Pérez, Besteiros, Tomé Carro, Ribeiro Grande, Ponte de Traba, San Bernardo, Rúa da Ponte, Canliña, Campo de Noia....

Podemos englobar como posesións fluviais as que tiñan no Rio Tambre: San Xulián de Tarás, Brión de Abaixo, Ceilán, San Cosme de Outeiro e punta da Barquiña; e na esquerda a Ponte Nafonso, Castro de San Bartolomeu, Abruñeiras, Barro... . Sen embargo, a navegación cara a esas propiedades tíñana, os monxes de San Xusto, limitada debido a que os dereitos xurisdiccionais de Noia, chegaban ata onde a auga salgada do mar subía ca marea alta polo curso do devandito río.

Tamén no campo eclesiástico eran importantes as posesións deste cenobio, pois pertencíanlle igrexas como as de S. Cristobo de Arzón, (Negreira), S. Cristobo de Cedeso (Cee), S. Martín de Rates-Outeiro (Rois), S. Xulián de Peririña (Cee), S. Miguel da Costa (Rois), ermida de Sta. Catarina-Tal (Muros), ermida de S. Fiz de Ribasieira (Porto do Son), e a ermida de Nosa Sra. da Pontenafonso-Cando (Outes).

Para administrar a gran cantidade de bens do mosteiro, éste tivo que elixir prioratos que se encargaban desas tarefas.

Hai constancia de que San Xusto tiña importantes propiedades en Noia xa alá polo ano 1131. Ó iren aumentando considerablemente estas posesións, houbo que instalar alí un priorato. Foi na Corredoira de Afora, lindando a parte de atrás co agro da quintana de Sta. María a Nova. Alí vivían o prior cos axudantes e criados.

Case dous séculos despois, parte desta construcción do priorato, resíntese e desplómase, o que obriga á súa reparación e ó conseguinte aluguer doutra casa mentras dura a reparación. Este priorato continuou existindo ata a total exclaustración no 1835, data na que os monxes teñen que abandona-las instalacións e as súas propiedades pasan a seren estatais. É entón cando a decadencia que ven arrastrando desde tempos atrás, pon punto final á importancia do mosteiro que nos ocupa.

Os amplos dominios territoriais constituían a base da economía do mosteiro, a traves dos foros. E foi precisamente esta grande riqueza e poderío, a orixe da súa progresiva decadencia: os monxes e abades foron abandonando a pobreza ademáis do seu fervor relixioso ó iren descoidando a súa formación en Teoloxía, o que os levou á total corrupción gastando as súas grandes riquezas en usos profanos e pouco edificativos.

Con estes descoidos foron perdendo pouco a pouco as súas posesións, como por exemplo a vila de Gomaríz, onde os de San Xusto tiñan un priorato, que no 1369 pasou a mans do Adiantado Maior de Galicia Pedro Ruíz Sarmiento. Non só os laicos senon tamén a igrexa ambicionaba as riquezas do noso mosteiro, e foron os feitos coma os descritos no párrafo anterior os que levaron a Toxosoutos á súa total decadencia. Estes acontecementos desembocan na incorporación de San Xusto a Sobrado dos Monxes, tras unha serie de conflictos.

Esta incorporación supón, para empezar, o abandona-la regra benedictina e pasar á cisterciense, pero o máis grave é a perda da súa independencia. A partir deste momento, o goberno de San Xusto provén de Sobrado e como priorato deste, as súas rendas pasan a engrosar as riquezas deste último mosteiro. O abade de Sobrado, mandou un prior e oito monxes a San Xusto para coidar do espiritual e temporal que atinxe ó mosteiro. Tiñan a misión de refacer e reorganizar a administración e facenda da antiga abadía e de dirixir e controla-los pequenos prioratos que estaban na proximidade de San Xusto, entre os que se atopaba o de Noia.

Xa dende antes de pasar a depender de Sobrado, os monxes de San Xusto tan só traballaban as terras que rodeaban o mosteiro, nas que estaban dous muiños que usaban para o seu servicio, tódalas demáis rendas procedían dos foreiros dos seus prioratos. Estes foreiros seguiron a selo ata os primeiros anos do S.XIX, cando a maior parte destes contratos desaparecen ca desamortización de Mendizábal, na que os bens da Igrexa pasan a mans privadas. Pero xa antes destas datas boa parte das importantes propiedades de Toxosoutos foron vendidas a particulares, especialmente ca perda da súa independencia.

A partir de 1835, as dependencias do mosteiro foron arruinándose pouco a pouco sen que ninguén fixera nada por conservalas. Ó Sur da antiga igrexa do S. XVIII, situábase o claustro románico do S.XIII, enriba do cal estaban as celas dos abades e monxes. Co paso do tempo, as hedras, bichos e outras plantas foron desfacendo as arcadas e demáis construccións. Ó cabo dun século, o claustro foi vendido polo párroco de San Xusto ó Vizconde de San Alberto que o incorporou na casa que estaba a construir no solar da Pena do Ouro. Un triste fin para o patrimonio de todos, aínda que por outro lado, é unha forma de que chegara algún resquicio do mosteiro orixinal ata os nosos tempos.