A Historia

Os restos arqueolóxicos que temos no concello (mámoas, castros e petroglifos) falannos dun asentamento de poboación no territorio do que hoxe é Lousame, xa dende épocas prehistóricas, (3000 a.C.). Este poboamento ten a súa continuidade na Idade do Bronce (Petroglifo de Lesende) e na época castrexa, referente ó que nos levan os sete castros que tamén forman parte do escudo municipal (Coto do Castro, Castro de Comparada, Castro de Servia, Castelo de Fruime, Castelo de San Lourenzo, Castro de Berrimes e Castro do Lourido).

Xa en época histórica, temos referencias documentais de Lousame, a través do Tumbo de Toxosoutos, pertencente ó mosteiro do mesmo nome, ubicado na beira dereita do Río de San Xusto. Neste documento atopamos as evidencias da importancia deste mosteiro dende a súa creación no S. XII, centrándose dos Ss. XIII ó XV que se corresponden coa súa época de maior esplendor no que a propiedades, privilexios e riquezas se refire. Son tamén estas riquezas o motivo polo que se produce o seu declive, chegando no S. XVII a anexión final ó de Sobrado dos Monxes, convertíndose en priorato do mesmo. É no S. XIX cando, coa desamortización de Mendizábal, se desintegra por completo, convertíndose na actual parroquia de San Xusto de Toxosoutos, perdendo toda a autonomía xurisdiccional que mantivo ó longo da Idade Media.

Boa parte da historia das terras de Lousame, aparece vinculada ó longo da Idade Media á do Mosteiro de San Xusto e á súa xurisdicción pertencían algunhas das parroquias que hoxe conforman Lousame.

No 1836, cun total de 3.514 hab., é cando o Concello de Lousame se conforma tal e como está na actualidade e pasa a darlle o nome a parroquia de San Xoan de Lousame e non a de San Xusto de Toxosoutos. Asimesmo, entran a formar parte deste novo concello a parroquia de San Martiño de Fruime, que pertencía ó Concello de Boiro e a de San Xoan de Camboño que estaba no de Porto do Son; e pasa ó Concello de Noia a parroquia de Sta. María de Roo que pertencía á ón de San Xusto.

Non se produciron variacións na composición do territorio do Concello de Lousame dende esta data de 1836, aínda que houbo varios intentos de anexión por parte do Concello de Noia no século XIX e nos anos 70 do XX, que sempre fracasaron pola oposición dos veciños de Lousame.

A Casa Consistorial estivo no lugar de Cruido, antes da construcción da actual na aldea de Portobravo nos anos 50 do S.XX.

A etimoloxía lévanos a que o nome do Concello de Lousame, que como xa se dixo lle ven dado pola parroquia de San Xoan de Lousame, provén da palabra celtolatina "lausia", que corresponde ó tipo de pedra que tanto abunda nesta parroquia (montes de Aldeagrande, Seoane, Cruido...), os xistos ou lousas.