Benvido

 

 O Concello de Lousame, a pesar de ser un dos máis extensos da contorna, é un dos menos coñecidos. É por iso que esta páxina web xorde como unha fiestra para abrir ao mundo as nosas paisaxes, as amplas panorámicas que temos dende os nosos montes, as aldeas e as paraxes naturais dos nosos ríos.

Neste portal comezamos por acercar ao visitante a Lousame, con mapas, fotos e unha descrición da xeografía e a historia. Damos tamén a coñecer, a través duns explicativos textos e un montón de imaxes, todo o referente ao noso patrimonio cultural, histórico, natural; os personaxes ilustres que viviron en Lousame, como é o caso de Diego Antonio Cernadas de Castro “O Cura de Fruíme”. Non nos esquecemos tampouco da relevancia que o Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos tivo ao longo de boa parte da Idade Media ou, xa en épocas máis recentes, da importancia económica das numerosas fábrica de papel ou das Minas de San Fins. Así mesmo, incorporamos unha práctica guía turística a través das sete parroquias, incluíndo a ruta de sendeirismo dos ríos Vilacoba e San Xusto.

     Igualmente importante é a información de actividades do Concello á que pode acceder o internauta, ou a sinerxía que pretendemos establecer a través do  

www.concellodelousame.com

     A construción desta páxina supón un gran reto para un concello de escasa poboación e hábitat rural e disperso. Presentamos un Lousame que está en plena transformación, mellorando as infraestruturas viarias, as de saneamento e incrementando a calidade de vida dos veciños coa construción de espazos de ocio nas aldeas e levando a cabo máis actividades culturais e deportivas.       

 

     Porque cremos firmemente que paga a pena coñecer o noso Concello, esperamos que esta nova porta que abrimos sexa un primeiro paso para o descubrimento deste recuncho entre dúas rías.

María Teresa Villaverde Pais

 

Alcaldesa-Presidente do Concello de Lousame