Concello de Lousame    

Turismo

Situación      

TURISMO E LECER

      O Concello de Lousame está situado ó oeste e Galicia e ó suroeste da provincia de A Coruña. A maior parte do territorio municipal está aberto cara á ría de Noia-Muros, xa que é nesta ría onde se desenvolve a maior parte da actividade, tanto económica coma doutra índole. Tamén por este maior achegamente, pertence ó partido xudicial de Noia e forma parte da Fundación Comarcal Noia. No territorio municipal, dentro das sete parroquias, hai varios miradores naturais dende onde se poden contemplar magníficas panorámicas das rías de Noia-Muros e de Arousa, así coma do interior da provincia.
  1. Dende o Iroite, cunha cota de 685 metros, dentro da parroquia de Camboño, podemos captar magníficas vistas do fondo e da costa sur da ría de Arousa e de toda a ría de Muros-Noia. Para acceder a este mirador, hai que ir pola estrada que comunica Noia con Boiro pola parroquia de Tállara e, ó pasar o lugar de Moimenta (Concello de Boiro), hai que desviarse á dereita pola estrada que sube á Base Aérea E.V.A. nº 10 ubicada no Iroite. Xa nas ladeiras enriba da aldea de Guiende, se poden disfrutar de magníficas vistas cara á ría de Arousa e todo o territorio e todo o territorio de Lousame, así coma boa parte do de Boiro.
  2. Dende o lugar de A Muralla, con 674 metros, as vistas panorámicas son aínda máis amplas e podemos distinguir claramente as terras de Santiago, cara ó interior, concellos limítrofes coma Rois e Dodro, o val do Ulla dende Padrón ata a súa desembocadura, toda a Ría de Arousa e boa parte da de Noia-Muros e case que toda a superficie municipal. As principais vías de acceso a este lugar son:
    • Dende Comparada, pola estrada AC-1103 ata Aldarís.
    • Dende Ponte Beluso (Concello de Boiro) pola mesma estrada tamén ata Aldarís.
    De Aldarís súbese a A Muralla pola estrada que vai pola parte que comunica o parque eólico Monte Treito. Ó chegar ó alto, as comunicacións sonnos facilitadas pola rede de estrada que dan acceso ós aeroxeradores deste parque eólico por todo o alto da serra que vai dende A Muralla ata A Geneta, no límite sur do Concello de Lousame con Rianxo. Moi preto deste lugar está o establecemento de turismo rural Casa do Xan, no lugar de Ardeleiros (Fruíme), no que se ofrece aloxamento e comida.
  3. Tamén dende outros montes coma o Colou temos a posibilidade de alcanzar un amplo horizonte que abarca case todo o territorio municipal e fondo da ría de Noia-Muros. Para chegar a este monte, hai que desviarse da AC-543 por unha pista que sube á esquerda vindo de Santiago, entre os lugares de Fontefría e Sedofeito.
  4. No Pedride, enriba de Afeosa e Marselle, accedendo pola estrada que dende Cruído, por Seoane, nos leva ata estas aldeas, podemos apreciar case toda a parroquia de Lousame e parte da de Tállara, así coma a ría de Noia-Muros.

Parroquia de San Xusto de Toxosoutos

Parroquia de Lesende

Parroquia de Vilacoba

Parroquia de Lousame

Parroquia de Tállara

Parroquia de Camboño

Parroquia de Fruíme