Concello de Lousame    

SAN PEDRO DE TÁLLARA

Situación    

      Compónse de 17 núcleos: Abeixón, Abelendo, Barreira, Carantoña, Cernande, Cruceiro, Figueiroa, Guiende, Igrexa, Marracín, Meixonfrío, Merelle, Pascual, Portela, Pousada, Ponte de San Francisco e Vilar; atópase no extremo suroccidental de Lousame, lindando ó norte con Camboño e Noia, ó sur con Boiro, ó este con Lousame e ó oeste con Porto do Son. É no linde con éste último concello onde atopámos a maior elevación de Lousame, o Monte Iroite con 685 m., que constitúe un magnífico mirador cara a ría de Noia - Muros no alto do monte, e cara o fondo e a ribeira sur da ría de Arousa, dende as abas do monte, na subida cara o Iroite.

Os núcleos máis poboados desta parroquia, están vertebrados polo val do río Lobo, que extende case a totalidade do seu curso por ésta parroquia, ata a súa desembocadura en Noia. Tamén cabe destacar a gran extensión do afloramento granítico do Confurco, que ocupa a parte máis oriental desta parroquia. É precisamente neste afloramento no que atopamos a capela de San Lourenzo, que xunto coa de San Roquiño, e a igrexa parroquial de San Pedro no lugar de Tállara conforman as máis importantes manifestacións de arquitectura relixiosa que temos na parroquia.

      Esta é a segunda parroquia máis poboada de Lousame, sendo Tállara e Merelle os núcleos con maior poboación. Ámbolos dous se atopan á beira da estrada que leva de Noia a Boiro. Salvo as aldeas de A Barreira, Guiende e Pascual, a práctica totalidade das aldeas da parroquia sitúanse no val do ría Lobo, a menos de 100 m. e en terras chans.

      A principal vía de acceso é a estrada AC-3101 de Noia a Boiro. Xunto coa C-1104 que dende Noia comunica polo medio da parroquia ata o Confurco e Pte. Beluso.

 

sitemap