Concello de Lousame    

SAN MARTIÑO DE LESENDE

Situación    

      Compónse de 8 aldeas: Aguieira, Béxeres, Cairo, Horta, Lesende, Mirón, Quintáns e Soutorredondo; se seguimos cara o sur atopámonos con San Martiño de Lesende, que se sitúa entre Toxosoutos e Noia ó norte, Noia tamén ó oeste, Lousame ó sur e Vilacoba ó este. Dende o punto de vista xeográfico, Lesende atópase no curso medio do río Vilacoba, e tódalas súas aldeas, están na súa ribeira dereita, salvo Soutorredondo e Aguieira, na esquerda a 320 m. que a sitúan como a aldea máis alta da parroquia; síguelle O Mirón, entre os 250 e os 280 m. Lesende está en torno ós 170 - 180 m., e xa baixamos ata Cairo, Soutorredondo, Quintáns, Horta e Béxeres a menos de 150 m. todas elas. A maior altitude de Lesende corresponde ó alto do Monte Colou, con 508 m. dende onde podemos observar espectaculares vistas panorámicas da ría de Noia - Muros e da parroquia de Vilacoba. O uso do solo en Lesende é fundamentalmente forestal, tanto nas abas do Colou e baixando ata Cabanetán, como nas que baixan dende Aguieira ata o río Vilacoba. Tamén a vexetación de ribeira é de notable importancia neste tramo do Vilacoba, polas especiais condicións de forte pendente e encaixamento, que o caracterizan. A principal vía de comunicación de Lesende é a estrada que, dende Béxeres, despois de partir da AC-543 en Sampaio e na Albariza, conduce ata a AC-308 en Vilacoba, a cal comunica tamén as aldeas de Soutorredondo e Aguieira. Esta última aldea, cando estaba poboada, comunicábase co resto da parroquia, e fundamentalmente coa igrexa parroquial de San Martiño de Lesende na aldea do mesmo nome, a través dun camiño que cruzaba o Vilacoba pola Ponte Gaiteira (por riba da cal pasa a rota de sendeirismo do río Vilacoba). A Soutorredondo pode chegarse, tanto dende Horta (cruzando a ponte sobre o río) coma dende a AC-308.


 

sitemap