Concello de Lousame
   

DOMINGO FONTÁN

 

     Nado o 19 de abril de 1788 en Portela do Conde, Concello de Portas (Pontevedra). O seu futuro contacto coas terras de Lousame, onde fundará unha importante fábrica de papel, venlle dende moi novo, cando en Noia recibe as ensinanzas dos seus tíos curas, os Rodríguez Blanco, e dos franceses residentes na vila noiesa. A sús fonda vocación polo maxisterio levarao a cursar estudios de Filosofía, Cánones, Teoloxía, Artes, Ciencias e Leis; asimesmo, foi catedrático de Matemáticas, profesor de Retórica, Lóxica, Filosofía, Metafísica, Idiomas... Casou con Dona Manuela de la Riva. Tivo como discípulos ó xeólogo Casiano de Prado e ó coruñés Ramón de la Sagra, entre outros.

     Fontán estaba convencido de que en Galicia era imposible plantexar en serio a resolución dos grandes problemas de toda orde, en especial o das comunicacións, sin a existencia dunha cartografía fiable. É así como no ano 1817 adopta a resolución de realizar un mapa de Galicia dentro das posibilidades científicas da época. Con útiles propios e excelente instrumental adquirido pola Universidade en París e Londres, comezou por obter, mediante observacións astronómicas, a latitude e azimut da torre do reloxio da Catedral de Santiago. Deste xeito comezou a triangular toda Galicia percorrendoa a pé e a cabalo. A estes traballos xúntaselle o encargo, por Real Orde, do estudio para "el trazado de carreteras que hubieran de abrirse en Galicia". Como resultado final deste inxente traballo realizado, en 1834 presenta o orixinal da "Carta Xeométrica de Galicia" á Raíña Gobernadora, Dona María Cristina de Borbón.

     Este insigne ilustrado, foi tamén Director do Observatorio Astronómico de Madrid e Diputado a Cortes por Pontevedra.

     Xunto coa grande obra da 1ª Carta Xeométrica de Galicia, hai que salientar os escritos e discursos de Fontán así como a valiosa aportación docente e investigadora; as iniciativas en materia de comunicacións, comarcalización, patrimonio arquitectónico, agricultura...

     Será no ano 1863 cando sente as bases para a fábrica de papel de O Castro, en Lousame. Esto acontece tres anos antes da súa morte, no ano 1866.

 

 

sitemap