|
TURISMO E LECER
O Concello de Lousame está
situado ó oeste e Galicia e ó suroeste da provincia de A Coruña. A maior parte
do territorio municipal está aberto cara á ría de Noia-Muros, xa que é nesta
ría onde se desenvolve a maior parte da actividade, tanto económica coma doutra
índole. Tamén por este maior achegamente, pertence ó partido xudicial de Noia e
forma parte da Fundación
Comarcal Noia. No territorio municipal, dentro das sete parroquias, hai
varios miradores naturais dende onde se poden contemplar magníficas panorámicas
das rías de Noia-Muros e de Arousa, así coma do interior da provincia.
-
Dende o Iroite, cunha cota de 685 metros, dentro da parroquia de Camboño,
podemos captar magníficas vistas do fondo e da costa sur da ría de Arousa e de
toda a ría de Muros-Noia. Para acceder a este mirador, hai que ir pola estrada
que comunica Noia con Boiro pola parroquia de Tállara e, ó pasar o lugar de
Moimenta (Concello de Boiro), hai que desviarse á dereita pola estrada que sube
á Base Aérea E.V.A. nº 10 ubicada no Iroite. Xa nas ladeiras enriba da aldea de
Guiende, se poden disfrutar de magníficas vistas cara á ría de Arousa e todo o
territorio e todo o territorio de Lousame, así coma boa parte do de Boiro.
-
Dende o lugar de A Muralla, con 674 metros, as vistas panorámicas son aínda
máis amplas e podemos distinguir claramente as terras de Santiago, cara ó
interior, concellos limítrofes coma Rois e Dodro, o val do Ulla dende Padrón
ata a súa desembocadura, toda a Ría de Arousa e boa parte da de Noia-Muros e
case que toda a superficie municipal. As principais vías de acceso a este lugar
son:
-
Dende Comparada, pola estrada AC-1103 ata Aldarís.
-
Dende Ponte Beluso (Concello de Boiro) pola mesma estrada tamén ata Aldarís.
De Aldarís súbese a A Muralla pola estrada que vai pola parte que comunica o
parque eólico Monte Treito. Ó chegar ó alto, as comunicacións sonnos
facilitadas pola rede de estrada que dan acceso ós aeroxeradores deste parque
eólico por todo o alto da serra que vai dende A Muralla ata A Geneta, no límite
sur do Concello de Lousame con Rianxo. Moi preto deste lugar está o
establecemento de turismo rural
Casa do Xan,
no lugar de Ardeleiros (Fruíme), no que se ofrece aloxamento e comida.
-
Tamén dende outros montes coma o Colou temos a posibilidade de alcanzar un
amplo horizonte que abarca case todo o territorio municipal e fondo da ría de
Noia-Muros. Para chegar a este monte, hai que desviarse da AC-543 por unha
pista que sube á esquerda vindo de Santiago, entre os lugares de Fontefría e
Sedofeito.
-
No Pedride, enriba de Afeosa e Marselle, accedendo pola estrada que dende
Cruído, por Seoane, nos leva ata estas aldeas, podemos apreciar case toda a
parroquia de Lousame e parte da de Tállara, así coma a ría de Noia-Muros.
Parroquia de San Xusto de Toxosoutos
Parroquia de Lesende
Parroquia de Vilacoba
Parroquia de Lousame
Parroquia de Tállara
Parroquia de Camboño
Parroquia de Fruíme
|