Concello de Lousame    

Sendeirismo

 

   
  Mapa ruta Ríos Vilacova e San Xusto  
Descargar mapa ruta Ríos Vilacova e San Xusto:

ALTA CALIDADE

Formato: jpg
-Calidade: 4 Megapíxels (2400X1676 píxels).
-Resolución: 300ppp.
-Tamaño: 1.07 Mb.

CALIDADE MEDIA

-Formato: jpg
-3.37 Megapíxels (2200X1536)
-Resolución: 300 ppp.
-Tamaño: 975 Kb.

BAIXA CALIDADE

-Formato: jpg
-1.8 Megapíxels (1600X1117)
-Resolución: 300 ppp.
-Tamaño: 632 Kb.

CORELDRAW 10

-Formato: CoreDrawl (.cdr)
-Tamaño: 4.45 Mb.

Descargar

Descargar

Descargar

Descargar

 

Ruta de Sendeirismo
Río Vilacoba e San Xusto

      A cunca do río Vilacoba atópase dentro dos límites municipais de Lousame na práctica totalidade da súa superficie, salvo un pequeno tramo que discorre polo veciño Concello de Rois. É unha das máis grandes e importantes do municipio, situándose o seu nacemento na cara norte do monte da Muralla (Fruime).
       O val deste río percorre o Concello de E a W dividindo as parroquias de Vilacoba, Lesende e Lousame. Ó longo de todo este seu decorrer cara o mar, ten unha gran diversidade tanto morfolóxica como paisaxística e biolóxica, que pode contemplarse camiñando pola ruta de sendeirismo que hai marcada e sinalizada nas súas ribeiras. Este percorrido continúa polas do seu tributario o San Xusto, que percorre a parroquia do mesmo nome, despois de nacer en terras de Fontefría.
       No primeiro tramo da ruta, pola beira esquerda do río, dende Brandia ata Soutorredondo, o Vilacoba discorre manso e tranquilo polo medio dun frondoso bosque de ribeira que lle da sombra ata chegar á piscifactoría de Soutorredondo.
En Brandia, no comezo da ruta, na área recreativa que se habilitou coa restauración de dous muiños preto das casas desta aldea, temos a poucos centos de metros as ruinas da primeira fábrica de papel das catro coas que imos topar ó longo do noso percorrido; esta fábrica foi trasladada nos anos setenta a Vidán, preto de Santiago. O camiño neste tramo pódese facer algo lento polas dificultades do terreo en algún anaco, aínda que hai pasarelas en sitios difíciles, especialmente ó chegar á altura da aldea de A Albariza.
      Ó alcanzá-la seguínte aldea (O Castro) temos, a uns cen metros da beira esquerda, as aínda impresionantes ruinas da maxestosa fábrica de papel de Fontán. Neste tramo, e debido a que o río non salva desniveis importantes, o curso do mesmo chega a formar algunha pequena praia fluvial como a que atopamos un pouco antes da aldea de Cerquides, preto das ruinas da fábrica de papel da Galiñeira, a terceira no noso camiño. Este traxecto é fácil de andar, e moi apropiado para disfrutar do solitario e frondoso entorno polo que transcorre.
       O cauce volta a incidir sobre o terreo ó pasa-la Piscifactoría de Soutorredondo, especialmente logo da subida, para visita-los petroglifos de Lesende (tallados na Idade do Bronce, no segundo milenio antes de Cristo). Despois de retomar o camiño pola beira dereita do río, á altura desta aldea hai uns afloramentos graníticos que a auga foi erosionando dando lugar a unha serie de pozos ou piscinas (Pozo das Vacas, Pozo Negro), moi frecuentadas por bañistas no verán. Nesta impresionante paisaxe que forman os pozos coa vexetación de ribeira e a morfoloxía do terreo, temos varios muiños pertencentes á aldea de Lesende, o da Fonte e o de Calistro. Será salvando estes rápidos cando cheguemos á ponte medieval de A Gaiteira, que comunicaba a aldea de Aguieira coa igrexa de Lesende, parroquia á que pertence. A ruta continúa subindo pola ribeira dereita do río cara á ponte de Vilacoba, atopando no medio o Pozo da Escaleira, tamén moi visitado no verán polos mozos do contorno. O camiño volta a ser bastante doado unha vez deixadas atrás a subida a Lesende e o tramo de pozos.
      Ó chegar á ponte de Vilacoba desviámonos cara ó monte Colou dende onde temos unhas excelentes vistas da Ría de Noia-Muros. Dende alí baixamos cara á aldea de Toxosoutos para comezar o percorrido polo río San Xusto. Dende esta aldea hai que baixar ata a igrexa, onde se poden facer visitas ás dúas fervenzas que hai no río augas arriba. Despois baixamos e cruzamos a ponte de madeira que hai detrás da Casa Rectoral (convertida en albergue turístico) por unha pequena corredoira quen nos conduce ó pombal propiedade do mosteiro. Partindo deste punto imos dar á carballeira da beira do río por onde continuamos ata un camiño de monte que nos leva a preto de Cabanetán, para baixar de novo á beira do mesmo e seguir o seu curso pasando polo Pozo do Capitán (en Boña) no que hai unha impresionante fervenza. O camiño continúa pola canle que leva a auga á fábrica de papel das Maceiriñas e de alí atravesamos polo monte de Béxeres ata chegar de volta ó río Vilacoba na ponte que hai en fronte da fábrica de Fontán.

 

 
   
  Mapa ruta da Muralla  

 

Ruta de Sendeirismo da Muralla

      O sendeiro de 14 Km de percorrido é de dificultade media e comeza no cruce que leva á aldea de Arribas, na parroquia de Fruime, despois de deixa-la estrada que une Pte. Beluso e Comparada (AC-1103). Despois de pasar a aldea de Arribas, o sendeiro discorre por montes de piñeiros, pequenos soutos con castiñeiros, acivros, salgueiros, ameneiros que nacen ó borde dos regatos, e algún pequeno eucaliptal aínda non moi estendido. Segundo imos subindo, as zonas de arbóreo van diminuíndo e aparecen novas plantacións e zonas de pasto para cabalos, vacas e cabras que pacen libremente. A cima da montaña está aproveitada tamén polas enerxías renovables, xa que os aeroxeneradores serán os compañeiros do sendeiro antes de chegar ó cume do monte Muralla (678 m). O regreso faise por tramos que xa subimos e logo por un novo sendeiro, similar ó anterior, pero entre o límite do concello de Lousame e o de Rianxo ata chegar á aldea de Zaramagoso para a continuación camiñar un Km pola estrada ata a aldea de Ardeleiros onde ó saír dela xa chegamos ó punto de saida, sendo así unha ruta circular.
     O máis destacable, aparte da tranquilidade que podemos respirar en moitos dos recunchos do noso percorrido, van ser as magníficas vistas que poderemos contemplar xa dende a metade do noso percorrido, verdes vales do noso concello: o da Escabia, o de Xestoso e Aldarís; chegando a albiscar unha parte moi importante do noso territorio:  o Iroite, mte. Culou e as aldeas que están nas súas ladeiras. Dende a cima, a vista panorámica podemos observa-la facendo un xiro de 360º. As aldeas do concello de Rianxo témolas ós nosos pés (Campelo, Bustelo e Vilar) e, por suposto, a ría de Arousa, dende a desembocadura do río Ulla coas illas de Arousa, Cortegada, Ons e as Cíes e tódalas poboacións que se reflexan nas súas augas: Vilagarcía, Rianxo, Boiro, Pobra, Riveira...Vemos en toda a súa amplitude a serra do Barbanza e a continuación de Noia e Muro s. Se as nubes nolo permiten observaremos Santiago de Compostela, incluidas as torres da Catedral.
     Dicir que ás veces unha foto non é o reflexo da realidade e nada mellor que contemplar cos nosos propios ollos estas magníficas paisaxes.