| Concello de Lousame |
| Está en HOME/Siatuación e Descrición/Parroquias/Vilacoba | ||||
SANTA EULALIA DE VILACOBA Compónse de 10 aldeas: Afeosa, Comparade, Froxán, Marselle, Minas, Servia, Silvarredonda, Vilacoba, Vilar, Xestoso; situada ó este do Concello, limita polo norte coa de San Xusto de Toxosoutos, polo sur coa de Fruime, polo este con Rois, e polo oeste con Lesende e Lousame. Ésta parroquia é drenada polo Río Vilacoba no seu curso alto, pois nace ós pes da Muralla, en Aldariz (Fruime), moi preto da aldea de Xestoso (Vilacoba). Os seus puntos máis altos están no monte de Siroña, con altitudes que oscilan entre os 400 e os 537 m. Tamén o monte da Afeosa tén máis de 400 m. Tódalas aldeas desta parroquia están por riba dos 350 m. salvo Vilacoba e Vilar de Reconco, arredor dos 250 m.A maior parte destas terras son de uso forestal, e as terras de cultivo das aldeas forman pradeiras, o que denota a gran importancia que ten a gandería frente á agricultura. A principal estrada que comunica ésta parroquia é a AC-308, que parte de Noia e, atravesando por Lousame e Rois, lévanos a Padrón. A maior parte dos núcleos de Vilacoba, sitúanse á súa beira, ou moi próximos. Da aldea de Comparada, parte a AC-1103, que por Xestoso e a parroquia de Fruíme trasládanos ata a Pte. Beluso. Coma no caso doutras parroquias, hai multitude de pistas que comunican uns núcleos cos outros e unhas parroquias co resto, ou con concellos próximos. Nesta parroquia, dende épocas anteriores ó paso dos romanos, hai indicios de explotación do wolfram e o estaño no xacemento de San Fins na parroquia de Vilacoba, pero cando acada maior importancia esta mina é ó longo do S. XX, primeiro en mans inglesas e máis tarde por parte de empresas españolas. Estas minas obtiñan a enerxía que precisaban da minicentral eléctrica de Pías, ubicada no río Vilacoba, entre a aldea de Vilacoba, onde está a Igrexa parroquial de Santa Eulalia, e Servia. Aínda que a Mina ten parada a súa actividade dende principios dos 90, debido á baixada do precio dos minerais, a nomeada minicentral, en mans privadas, modernizou a súa maquinaria e constitúe a única que hai no Concello. |