Concello de Lousame    

SAN XOAN DE LOUSAME

Situación      

      Compónse de 21 aldeas: Aldeagrande, Berrimes, Bouciñas, Brandia, Castro, Cerquides, Ces, Costa, Cruido, Chave, Filgueira, Gandarela, Maxide, Pastoriza, Outeiro, Portobravo, Quintáns, Seixido, A Silva, Vilanova e Seoane; é ésta a parroquia que lle dá nome ó Concello.
       Limita polo norte co río Vilacoba que a separa de Lesende, e con Noia, polo sur con Boiro e Fruime, polo este con Vilacoba e Fruime e ó oeste con Tállara e Noia. Aséntase nun territorio de relevo variado, pero no que non hai importantes altitudes, tan só se chega ós 300 ou 350 m. nas ladeiras do monte comunal de Aldeagrande e no de Seoane. A maior parte dos núcleos de poboación están a menos de 100 ms.n.m., especialmente os máis poboados: Cruido, entre os 100 e os 150 m, e Aldeagrande nos 100 m.
      Son o Rego do Espiño ou da Mina (nace en Froxán) e o de Chave, os que dan lugar ó Río Pesqueira, que forman o val que ocupa a maior parte do territorio desta parroquia. Na aldea de Portobravo está a cabeza do municipio, ubicándose na mesma a Casa do Concello, o Centro Médico e a Casa da Cultura. Asimesmo, na aldea de A Silva está o C.P.I. Diego Antonio Cernadas de Castro,o Polideportivo "Pilar Barreiro Senra" e a Piscina Municipal. En Seoane está situada a igrexa de San Xoán de Lousame.
      A vía principal de acceso a Lousame é a AC-4201, que parte da AC-308 en Portobravo e atravesa toda a parroquia ata chegar ó Confurco, e de alí á Pte. Beluso ou a calquera punto da Ría de Arousa.
      Dende Noia tamén se pode chegar a Lousame pola estrada que, dende o Couto sube ata Berrimes e segue adentrándose en Lousame ou Tállara. Hai tamén multitude de pistas forestais ou de concentración parcelaria que comunican os diferentes núcleos entre si, e co resto das parroquias.