| Concello de Lousame |
|
SAN MARTIÑO DE LESENDE |
|||
Compónse de 8 aldeas: Aguieira,
Béxeres, Cairo, Horta, Lesende, Mirón, Quintáns e Soutorredondo; se seguimos cara o sur atopámonos
con San Martiño de Lesende, que se sitúa entre Toxosoutos e Noia ó norte, Noia
tamén ó oeste, Lousame ó sur e Vilacoba ó este. Dende o punto de vista
xeográfico, Lesende atópase no curso medio do río Vilacoba, e tódalas súas
aldeas, están na súa ribeira dereita, salvo Soutorredondo e Aguieira, na
esquerda a 320 m. que a sitúan como a aldea máis alta da parroquia; síguelle O
Mirón, entre os 250 e os 280 m. Lesende está en torno ós 170 - 180 m., e xa
baixamos ata Cairo, Soutorredondo, Quintáns, Horta e Béxeres a menos de 150 m.
todas elas. A maior altitude de Lesende corresponde ó alto do Monte Colou, con
508 m. dende onde podemos observar espectaculares vistas panorámicas da ría de
Noia - Muros e da parroquia de Vilacoba. O uso do solo en Lesende é
fundamentalmente forestal, tanto nas abas do Colou e baixando ata Cabanetán,
como nas que baixan dende Aguieira ata o río Vilacoba. Tamén a vexetación de
ribeira é de notable importancia neste tramo do Vilacoba, polas especiais
condicións de forte pendente e encaixamento, que o caracterizan. A principal
vía de comunicación de Lesende é a estrada que, dende Béxeres, despois de
partir da AC-543 en Sampaio e na Albariza, conduce ata a AC-308 en Vilacoba, a
cal comunica tamén as aldeas de Soutorredondo e Aguieira. Esta última aldea,
cando estaba poboada, comunicábase co resto da parroquia, e fundamentalmente
coa igrexa parroquial de San Martiño de Lesende na aldea do mesmo nome, a
través dun camiño que cruzaba o Vilacoba pola Ponte Gaiteira (por riba da cal
pasa a rota de sendeirismo do río Vilacoba). A Soutorredondo pode chegarse,
tanto dende Horta (cruzando a ponte sobre o río) coma dende a AC-308.
|