|
Dende o punto de vista da
paisaxe, podemos dicir que en Lousame temos unha gran variedade, derivada de
fortes contrastes morfolóxicos. Dado que no territorio municipal nos atopamos
cos dous puntos máis elevados da comarca, A Muralla e o Iroite, esto permite
que tamén as panorámicas que se poden obter tanto das rías de Muros - Noia como
de Arousa e do propio Concello, así como dos circundantes, sexan moi variadas.
As paisaxes predominantes en Lousame, se as clasificamos polo uso do solo, son
típicas do rural agrario galego. Un rural agrario moi humanizado dende hai
moitos séculos, como denotan os restos arqueolóxicos (petroglifos, castros,
entorno de Toxosoutos, ...) pero que tamén contén espazos naturais
significativos, como poden se-las ribeiras dos nosos ríos, o sobreiral de San
Lourenzo, o macizo granítico do Confurco, entre outros. É tamén unha paisaxe na
que a auga ten moita relevancia, dada a abundancia de cursos fluviais e
pequenos regatos en todo o territorio municipal. Reflexo desta importancia son
a abundancia de muiños e fábricas de papel que hai nas ribeiras dos ríos, que
nos deixan unhas paisaxes nas que a auga é protagonista indiscutible, directa
ou indirectamente. Pero os protagonistas reais da paisaxe de Lousame son os
nosos montes, pola súa predominancia, e a vinculación que dende sempre teñen os
seus habitantes con eles, tanto como lugar de traballo, como fábrica natural de
recursos (leña, piñas, fieitos, molime, madeira, caza e, máis recentemente,
cogumelos), e tamén como sitio de disfrute no que pasar o tempo de lecer, xa
sexa en romerías, paseos ou camiñatas.
|