|
 |
 |
| Mosteiro de San Xusto |
Claustro de San Xusto de Toxosoutos (actualmente no Pazo da Pena do Ouro
-Noia-) |
Xa nas primeiras decadas do S.XII
hai noticias da existencia dunha ruinosa ermida adicada ós Santos Xusto é
Pastor, ó lado do curso do río San Xusto, que é doada por Pedro Crescón ós
cabaleiros Froylán Alonso e Pedro Muñiz de Carnota.
Segundo o pai Yepes na "Crónica General de la Orden de San Benito" a fundación
do mosteiro baixo a Regra de San Bieito, tería lugar no ano 1129, aínda que a
versión de López Ferreiro dí que foi no 1133. Esta fundación ten lugar porque
os cabaleiros ós que foi doada a ermida, deciden tomar os hábitos e retirarse
alí.
De contado empeza o despegue do mosteiro,
tanto que no 5 de decembro do 1135, o Bispo Diego Xelmírez consagra a súa
igrexa e a Don Pedro Muñiz como primeiro abade. Dous días máis tarde, no 7 de
decembro, o Emperador Alfonso VII, otorgou un diploma polo que confire ó
mosteiro a autonomía xurisdiccional, tanto civil como eclesiástica, salvo as
atribucións propias do bispo.
O 9 de maio de 1139, o mesmo monarca
dóalle ó mosteiro a vila ourensá de Gomaríz (Leiro), a de Sanín (Dena) e Ardena
(O Grove), ademáis de tódalas súas posesións de Carnota. Pouco despois, no
1145, dalle as terras do val do Sar, e as de Sayagón en Zamora.
E este foi tan só o comezo das doacións
reais, de nobres e eclesiásticos ademáis de pequenos propietarios. Con todas
estas posesións, enseguida chegou este mosteiro a estender as súas pertenzas a
outros sitios de España, e incluso doutros paises, coma a vila de Paredes en
Portugal.
Tras unha disputa entre os monxes de Nogueirosa (Pontedeume) e os de San Xusto,
pasou a formar parte das posesións destes últimos o mosteiro de San Cristóbal
de Arzón (Negreira) e as vilas de Cando, Cuns, Formigueiro e Carballido
(Outes).
O Pai Antonio Yepes na súa crónica di:
"Solo digo que ningún monasterio hay en Galicia por grande y grueso que sea,
cuya hacienda sea mayor o más cualificada que la de San Xusto".
Tanto é así que o mosteiro tiña
propiedades rurais nos municipios colindantes como Noia, Boiro, Brión, Porto do
Son, Rianxo, Rois, pero tamén en outros moitos das provincias da Coruña e
Pontevedra, tales como Ames, Carnota, Cee, Fisterra, Lalín, Muros, Mazaricos,
Meaño, Muxía, Negreira, Outes, Ortigueira, Ponteceso, Padrón, Ribeira, Santa
Comba, Vimianzo, Val do Dubra, Zas.... Pero non quedan aí as riquezas deste
importante mosteiro, posto que chega a ter parte da península do Morrazo, e da
comarca do Salnés en Pontevedra, en Ribadavia (Ourense).
No que se refire ás posesións urbanas,
están en Santiago: a Rúa Sequelo, a Conga, Porta Faxeira, o Toural, e outras
moitas.
Tamén na cercana Noia tiña importantes propiedades como son a Corredoira de
Adentro, a Corredoira de Afora, Mazacáñamos, Rúa Cega, Lagares, Carnicería,
Laxe, Tripería, Tonelería, García Pérez, Besteiros, Tomé Carro, Ribeiro Grande,
Ponte de Traba, San Bernardo, Rúa da Ponte, Canliña, Campo de Noia...
Podemos englobar como posesións fluviais
as que tiñan no Rio Tambre: San Xulián de Tarás, Brión de Abaixo, Ceilán, San
Cosme de Outeiro e punta da Barquiña; e na esquerda a Ponte Nafonso, Castro de
San Bartolomeu, Abruñeiras, Barro... . Sen embargo, a navegación cara a esas
propiedades tíñana, os monxes de San Xusto, limitada debido a que os dereitos
xurisdiccionais de Noia, chegaban ata onde a auga salgada do mar subía ca marea
alta polo curso do devandito río.
Tamén no campo eclesiástico eran importantes as posesións deste cenobio, pois
pertencíanlle igrexas como as de S. Cristobo de Arzón, (Negreira), S. Cristobo
de Cedeso (Cee), S. Martín de Rates-Outeiro (Rois), S. Xulián de Peririña
(Cee), S. Miguel da Costa (Rois), ermida de Sta. Catarina-Tal (Muros), ermida
de S. Fiz de Ribasieira (Porto do Son), e a ermida de Nosa Sra. da
Pontenafonso-Cando (Outes).
Para administrar a gran cantidade de bens
do mosteiro, éste tivo que elixir prioratos que se encargaban desas tarefas.
Hai constancia de que San Xusto tiña importantes propiedades en Noia xa alá
polo ano 1131. Ó iren aumentando considerablemente estas posesións, houbo que
instalar alí un priorato. Foi na Corredoira de Afora, lindando a parte de atrás
co agro da quintana de Sta. María a Nova. Alí vivían o prior cos axudantes e
criados.
Case dous séculos despois, parte desta
construcción do priorato, resíntese e desplómase, o que obriga á súa reparación
e ó conseguinte aluguer doutra casa mentras dura a reparación. Este priorato
continuou existindo ata a total exclaustración no 1835, data na que os monxes
teñen que abandona-las instalacións e as súas propiedades pasan a seren
estatais. É entón cando a decadencia que ven arrastrando desde tempos atrás,
pon punto final á importancia do mosteiro que nos ocupa.
Os amplos dominios territoriais constituían a base da economía do mosteiro, a
traves dos foros. E foi precisamente esta grande riqueza e poderío, a orixe da
súa progresiva decadencia: os monxes e abades foron abandonando a pobreza
ademáis do seu fervor relixioso ó iren descoidando a súa formación en Teoloxía,
o que os levou á total corrupción gastando as súas grandes riquezas en usos
profanos e pouco edificativos.
Con estes descoidos foron perdendo pouco a
pouco as súas posesións, como por exemplo a vila de Gomaríz, onde os de San
Xusto tiñan un priorato, que no 1369 pasou a mans do Adiantado Maior de Galicia
Pedro Ruíz Sarmiento.
Non só os laicos senon tamén a igrexa ambicionaba as riquezas do noso mosteiro,
e foron os feitos coma os descritos no párrafo anterior os que levaron a
Toxosoutos á súa total decadencia. Estes acontecementos desembocan na
incorporación de San Xusto a Sobrado dos Monxes, tras unha serie de conflictos.
Esta incorporación supón, para empezar, o
abandona-la regra benedictina e pasar á cisterciense, pero o máis grave é a
perda da súa independencia. A partir deste momento, o goberno de San Xusto
provén de Sobrado e como priorato deste, as súas rendas pasan a engrosar as
riquezas deste último mosteiro. O abade de Sobrado, mandou un prior e oito
monxes a San Xusto para coidar do espiritual e temporal que atinxe ó mosteiro.
Tiñan a misión de refacer e reorganizar a administración e facenda da antiga
abadía e de dirixir e controla-los pequenos prioratos que estaban na
proximidade de San Xusto, entre os que se atopaba o de Noia.
Xa dende antes de pasar a depender de Sobrado, os monxes de San Xusto tan só
traballaban as terras que rodeaban o mosteiro, nas que estaban dous muiños que
usaban para o seu servicio, tódalas demáis rendas procedían dos foreiros dos
seus prioratos. Estes foreiros seguiron a selo ata os primeiros anos do S.XIX,
cando a maior parte destes contratos desaparecen ca desamortización de
Mendizábal, na que os bens da Igrexa pasan a mans privadas. Pero xa antes
destas datas boa parte das importantes propiedades de Toxosoutos foron vendidas
a particulares, especialmente ca perda da súa independencia.
A partir de 1835, as dependencias do
mosteiro foron arruinándose pouco a pouco sen que ninguén fixera nada por
conservalas. Ó Sur da antiga igrexa do S. XVIII, situábase o claustro románico
do S.XIII, enriba do cal estaban as celas dos abades e monxes. Co paso do
tempo, as hedras, bichos e outras plantas foron desfacendo as arcadas e demáis
construccións. Ó cabo dun século, o claustro foi vendido polo párroco de San
Xusto ó Vizconde de San Alberto que o incorporou na casa que estaba a construir
no solar da Pena do Ouro. Un triste fin para o patrimonio de todos, aínda que
por outro lado, é unha forma de que chegara algún resquicio do mosteiro
orixinal ata os nosos tempos.
>>Ver fotos do claustro<<
|