Concello de Lousame

   

 

Situación     Entrevista a Teodomiro Hidalgo Iglesias ("Don Teo"), médico da Mina de San Finx.

MINAS DE SAN FINX

      Esta foi a primeira mina de wolfram aberta en España e unha das máis importantes pola pureza dos minerais que se extraían dela: o wolfram e o estaño. A mineralización aparece intruída nun filón de cuarzo que atravesa a banda de esquistos que se extende de SE a NW polo medio do territorio lousamiano. Algúns autores fan referencia a que xa na época dos fenicios era explotada e estes comercializaban os minerais, e outros pensan que é posible que na Idade do Bronce, se aproveitara o cobre para a elaboración dos utensilios de bronce. É, sin embargo, no 1897 cando comeza a explotación máis intensiva por parte dunha compañía inglesa que solicitou a concesión ó Estado español. Ata o 1936, o xacemento pasa por diversas empresas, sempre inglesas, pero coa Guerra Civil, nacionalízase e dende aquela está en mans españolas ata a actualidade. A época de maior explotación da mina ten lugar dos anos 30 ós 50, especialmente durante a 2ª Guerra Mundial, época na que se demandaba moito wolfram para a industria armamentística de Inglaterra e Alemania, aínda que este último país absorbe case que a totalidade da producción galega deste mineral. Co remate da guerra fría e coa entrada no mercado dos minerais das grandes reservas e explotacións de China, Corea e antiga URSS, prodúcese unha paulatina baixada dos precios do mineral, chegando a traballarse con perdas en San Fins durante os 80, tendo que pechar a explotación no ano 1992. Hoxe en día, a venda de áridos é a única actividade que ten lugar nas instalacións da que outrora fora un importante centro económico do concello e incluso da comarca. Tan só falando con algunha persoa que traballara ou que vivira preto dela, na época de maior explotación, nos damos a idea da importacia que tivo esta mina. Con máis de 1000 traballadores directos e indirectos, persoas que viñan doutras partes do concello e de concellos limítrofes e percorrían diariamente os montes dos arredores, así como a importancia do estraperlo dos minerais cando os precios eran máis elevados. Tamén as ruinas das principais edificacións nos falan de prosperidade nunha época na que en España o que abundaba era a miseria: a magnífica casa da xerencia con piscina, impresionantes xardíns, pista de tenis, xa nos anos 20 do S.XX, ou a casa do médico cos seus floreados xardíns.

   
Fotos das Minas de San Fins